Ir ao contido da páxina

Voz e ton

A web da USC é o soporte de comunicación dunha voz institucional que ha de ser afirmativa, propositiva e distintiva. Esa voz vai adoptar diferentes tons en función dos contidos, espazos de publicación e públicos aos que se dirixe. Hai tres tons: de servizo, promocional e narrativo. De servizo para a resposta ás consultas ou procura de información normativa. Promocional para achegar novos servizos ou ofertas académicas e para salientar indicadores de calidade ou prestixio da USC. Narrativo para a construción dos relatos de identidade e a comunicación dos valores da institución e a actualidade da vida universitaria. A norma de estilo é escribir claro para que se entenda e con brevidade para que se lea.

A web ten unha voz institucional dominante que se dirixe a variados lectores e terá unha audiencia que vai máis alá dos membros da comunidade universitaria. Esa voz adoptará diferentes tons que estarán determinados polos diferentes tipos de contidos, os espazos de publicación e as audiencias ás que se dirixe.

Afirmativa, propositiva, clara

A voz da institución ha ser distintiva e debe estar aliñada co relato e as estratexias de comunicación que se definan no Plan de Comunicación da USC.

  • Ha de servir para salientar a identidade da USC por afirmación e non por contraste.
  • Ha de ser positiva e propositiva.
  • Ten que ter unha expresión sobria e clara e o que se comunique debe estar priorizado en función do impacto que se pretende ou da dimensión da audiencia á que se dirixe.
  • A redacción da voz institucional faise en terceira persoa e non interpela aos diferentes públicos en segunda persoa agás naqueles contidos de corte promocional ou outros máis informais.

Diversos tons

Ha de predominar un ton institucional naquelas seccións nas que se comunica a identidade, oferta académica e produción científica da USC (USC, Estudos, e Investigación), que pode modularse cun ton moderadamente promocional nalgunhas páxinas de admisión ou nalgún perfís externos á comunidade universitaria (futuros estudantes, pais e nais, estudantes foráneos…) e adoptar mesmo unha expresión menos formal na sección de Universidade Viva / CampUSC ou naquelas pezas do Xornal da USC que teñan unha autoría sinalada.

Tons: de servizo, promocional e narrativo

A voz da institución ha ser distintiva e debe estar aliñada co relato e as estratexias de comunicación que se definan no Plan de Comunicación da USC.

  • A voz institucional adopta un ton de servizo para dar resposta a dous rexistros de demanda: a consulta puntual e a información normativa ou prescritiva.
  • Un ton promocional para achegar novas ofertas académicas ou de servizos, ou para presentar a USC a novos destinatarios ou para salientar os seus indicadores de prestixio ou calidade.
  • Un ton narrativo para construír os relatos de identidade ao redor dos valores da institución e dar conta da actualidade da vida universitaria.

Economía da atención, economía da expresión

A norma de estilo é escribir claro para que se entenda e con brevidade para que se lea. O patrón de lectura común será máis o de consulta que o da lectura en profundidade. Os tempos de consulta están dominados pola brevidade e a procura dun acceso directo á información substancial.

  • As unidades de exposición han ser breves, claras e sinxelas.
  • As entradiñas das páxinas han de achegar a información fundamental.
  • Os corpos dos textos máis extensos han de estar estruturados e segmentados con epígrafes para romper a uniformidade e focalizar a atención da lectura.
  • A brevidade é a norma expositiva: palabras curtas, frases curtas, parágrafos curtos.
  • Hai que priorizar as exposicións con oracións simples e coordinadas. Hai que limitar o uso da subordinación.
Loading…
Loading the web debug toolbar…
Attempt #