Ir ao contido da páxina

Historia

A Facultade de Formación do Profesorado ten a súa orixe na Escola Normal de Mestres de Lugo, que se inaugurou o 30 de outubro de 1842, aínda que o seu funcionamento non se puido consolidar ata 1849, cando se habilitaron as súas dependencias nun anexo do Convento de San Domingos. Esta circunstancia converte á Facultade de Formación do Profesorado no centro universitario que goza dunha maior tradición no Campus de Lugo.

Lei de Instrución Pública de Claudio Moyano (1857) contemplaba as escolas normais como centros de carácter profesional, pero a redución do número de alumnos e as restricións orzamentarias motivaron un real decreto de 1901 que estableceu a incorporación dos estudos de Maxisterio aos Institutos Xerais e Técnicos, o que significou a desaparición temporal da Escola Normal de Mestres de Lugo que pasa a facer parte do Instituto até que en 1916, un novo decreto recupera a Escola Normal que se instala no Pazo da Deputación Provincial.

En 1931, a II República dotou ás Escolas Normais do Maxisterio primario dunha traza claramente profesionalizada, organizándose en réxime de coeducación e con profesorado de ambos sexos; non obstante, durante o Franquismo consagrase aseparación de sexos nos centros dedicados á formación de mestres e mestras e, a partir de 1945-46, pasan a funcionar de xeito completamente independente para alumnas e alumnos. Con norma segregacionista por razón de sexo, prodúcese o desdobramento da Escola do Maxisterio de Lugo en dous centros, un de carácter feminino e outro masculino.

En 1949 iniciáronse as obras para a construción dun novo edificio situado na Avenida de Ramón Ferreiro, o seu emprazamento actual ás que se poérçia o ramo en 1954. En 1963 decidiuse a a reunificación dos dous centros que ata entón se viñeran dedicando por separado á formación de mestres e de mestras. No curso 1964-65 a Escola do Maxisterio Masculino “Bispo Odoario” e a Escola do Maxisterio Feminino “Santa María” pasan a constituír unha soa Escola do Maxisterio, cun único director, secretario e claustro.

En 1970, coa promulgación da Lei Xeral de Educación transfórmase na Escola de Profesorado de EXB, con rango de diplomado universitario e coa posibilidade de acceder, unha vez superado un curso de adaptación, ao cuarto ano de determinadas licenciaturas; ao tempo que o Centro pasa a integrarse na USC.

Así, no plan de estudos de 1971, á Escola Universitaria de Formación do Profesorado de EXB de Lugo sónlle adxudicadas as especialidades de Filoloxía, Ciencias Físico-Matemáticas e Ciencias Humanas, que se ampliarían á especialidade de Preescolar dez anos máis tarde. Este deseño académico, con lixeiras variantes, manterase ata que en 1993 se implanten as diplomaturas de Mestre en Educación Infantil, Educación Primaria, Educación Física e Lingua Estranxeira.

A partir do curso 2010-2011, o desenvolvemento do Espazo Europeo de Educación Superior determinou a substitución progresiva das vellas diplomaturas polas novas titulacións de grao en Mestre de Educación Infantil e Mestre de Educación Primaria e comezarán a impartise dous másteres: o Máster Universitario en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Linguas; e o Máster Universitario en Dirección de Actividades Educativas na Natureza.

Desde 2011, a Escola Universitaria de Formación do Profesorado de EXB do Campus de Lugo pasa a denominarse Facultade de Formación do Profesorado.

Os contidos desta páxina foron actualizados o 26/07/2019.

Loading…
Loading the web debug toolbar…
Attempt #